Plan de convivencia e civismo de Ponteareas


A maioría das persoas que vivimos en Ponteareas apreciamos e queremos á nosa vila e ás nosas parroquias e aspiramos a que o lugar no que vivimos nos proporcione o maior benestar e felicidade. Queremos unha vila e unhas parroquias coidadas, agradabeis, limpas, saudabeis, seguras e tranquilas e logralo só é posíbel dende o civismo, é dicir, dende o exercicio dos nosos dereitos, o cumprimento das obrigas cidadáns e o respecto ao espazo de convivencia e aos dereitos dos demais. 

 

Porén, o certo é que existe unha minoría de persoas que dende a falta de aprecio a Ponteareas, o desprezo aos dereitos dos demais e a ausencia de educación cívica, deterioran os nosos espazos de convivencia e danan a nosa calidade de vida. 

Para asegurar que Ponteareas sexa un lugar ideal no que vivir, o Concello e a sociedade ponteareán debemos fomentar o civismo e a convivencia e erradicar definitivamente os comportamentos incompatibeis coa vila e parroquias que arelamos e que nos merecemos. Para todo iso o Goberno Local, a través da Concellaría de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, decidíu abordar a redacción do Plan de Convivencia e Civismo de Ponteareas. 

 

Para a elaboración deste plan, o punto de partida é realizar unha diagnose que nos permita coñecer os problemas de convivencia, quen os provoca, porqué motivo, a quen e a qué afecta, cal é a resposta do Concello, se é necesario actualizar ou aprobar novas normas, como teñen actuado con éxito noutros concellos, etc. 

 

E para acertar na diagnose é fundamental un amplo proceso de participación cidadá. Con esa intención elaboramos un cuestionario para ser respostado polo conxunto da veciñanza, e a través do cal se poderá achegar información sobre as problemáticas que debemos abordar, as posibeis causas e as solucións a implementar para mellorar a convivencia en Ponteareas.

 

A enquisa divídese en cinco bloques temáticos relativos á limpeza, os ruidos, a mobilidade, o uso do espazo e dos bens públicos e a seguridade e saúde. A veciñanza poderá pronunciarse sobre a frecuencia, importancia e lugares nos que se producen diferentes problemáticas de convivencia e cales son as súas causas, ademais de propoñer accións e medidas para darlles solución dende o Concello. 

 

Co Plan de Convivencia e Civismo o goberno municipal quere abordar os problemas de limpeza nos espazos públicos como a presenza de lixo, cabichas de tabaco, depósito de residuos fora dos colectores, cartelaría en fachadas, excrementos e miccións de cans ou pintadas. En materia de ruidos a enquisa refírese aos producidos no interior de locais de hostelaría ou en terrazas, por actividades industriais, eventos, o tráfico ou as actividades nocturnas de carga e descarga, entre outras. No relativo á mobilidade as problemáticas sobre as que se pide opinión veciñal son o exceso de velocidade e condución temeraria ou baixo efectos de alcohol ou drogas e a ocupación por vehículos de espazos reservados a peóns ou a persoas con mobilidade reducida. Respecto á seguridade e saúde, os problemas asociados ao botellón, o paseo de cans incumprindo normas de seguridade coma a correa, as edificacións en ruina, os cheiros desagradabeis ou a presenza de roedores ou pragas en zonas públicas conforman a listaxe de casuísticas deste apartado. Por último, no relativo ao uso dos espazos e bens públicos, pídese opinión respecto á sua ocupación por terrazas de hostelaría, o xogo con balóns en prazas, a presenza de bicicletas e patinetes en zonas peonís ou o vandalismo sobre mobiliario urbano. 

 

Coa diagnose que se obteña a través desta enquisa e das que se están a realizar internamente en diferentes departamentos municipais, o Concello elaborará un Plan de Convivencia e Civismo que determinará as medidas a adoptar en catro ámbitos: o dos medios materiais e humanos e normas xurídicas necesarias para afrontar os problemas, o relativo á educación e concienciación social, o referente á creación de incentivos e alternativas fronte as condutas incívicas e, por último, o que atinxe ás medidas e procedementos sancionadores. No plano xurídico, o Concello prevé aprobar, ao remate do proceso, unha Ordenanza de Convivencia e Civismo que establecerá os dereitos e obrigas cidadáns así como o marco sancionador fronte ás condutas incívicas. 

Para entre todos facer de Ponteareas unha vila e unhas parroquias mellores podes colaborar cumprimentando o cuestionario ao que podes acceder na ligazón que figura na marxe.

 

Roberto Mera Covas

Concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá